CONTOS PARA PASAR A TARDIÑA

Con motivo da celebración do día do libro, o vindeiro 23 de abril, e tendo como obxectivo principal fomentar a lectura entre os nosos cativos, a próxima semana na Biblioteca Municipal terán lugar distintas sesións de contacontos, a partir das 18.15h.

Un conto día da semana, unha historia que os nenos e as nenas que asistan poderán escoitar e ilustrar, e así acercarse á imaxinación e a novos mundos a través de diferentes relatos.

Comezamos a semana con “Moncho e a Mancha” ; as bágoas de “Macario dromedario”, acompañarannos  o martes;  as aventuras de “Cocorico” quedan reservadas para o mércores;  “O dragón comemedo” chega á biblioteca o xoves; e, rematamos  estas sesións con “Fiz, o coleccionista de medos” que se quedará cos medos de todos os pequenos.

Anímadevos  e achegádevos cos vosos pequenos ata a Biblioteca Municipal

No seguinte enlace podedes ver algúns dos momentos que pasamos nas tardes de contacontos na Biblioteca Municipal. Os nenos e as nenas pasárono en grande e así o reflexan os seus sorrisos. Grazas a todos os papás e mamás que achegaron aos seus cativos aos contos.

http://www.flickr.com/photos/54835452@N05/sets/72157629567313796/show/

NOVIDADES: NOVELA E INFANTIL

Nos últimos meses tivemos novas incorporacións na nosa biblioteca.

En canto á literatura infantil, contamos cunha ampla colección de libros da editorial Kalandraka que farán que os nenos estén moi atentos á lectura que lle fan, son libros de adaptacións dos contos tradicionais, clásicos da literatura infantil de todos os tempos e obras de nova creación que contribúen a espertar nos nenos a curiosidade e o enxeño, a educalos dende o punto de vista afectivo, estético e visual. Ademais de contar con libros dos Bolechas, a colección de “Érase una vez  … el hombre” “Érase una vez … el cuerpo humano” y “Érase una vez … inventores”, libros para os que comezan a ler con letra grande e cursiva, libros visuais para os máis cativos e para os que comezan a falar, libros xuvenis para os que lles gusta ler, …

En canto a novela para adultos destacar: Triloxía Millenium, Saga Crepúsculo, Premios Planeta, Angelology, obras de Ken Follet, de Isabel Allende, Matilde Asensi, Carlos Ruíz Zafón, Paulo Coelho, Antonio Gala, … entre outros moitos.

Pásate pola biblioteca, facelo carné de usuario é gratuíto, e podes ler as novidades que están no mercado e introducir aos cativos no mundo da lectura.

Estamos na casa do Antigo Concello, de luns a venres de 9.00h a 14.30h e polas tardes de 16.00h a 20.30h.